Álvaro Pérez Becerra

Álvaro Pérez Becerra

Ola! Son Álvaro. Traballo desde o ano 2010 no sector cultural en Galicia, como produtor de contidos audiovisuais, de espectáculos e de eventos.

Comecei nisto da man dos actores Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán cando puxeron en marcha Airapro, a súa produtora. Fixemos varios programas para a Televisión de Galicia, lanzamos o primeiro traballo de Sés, ou organizamos a volta aos escenarios de Heredeiros da Crus e a súa primeira xira despois do regreso, entre outras tantas cousas.

No 2015, Javi Lopa e eu creamos Ainé, unha produtora de artes escénicas que en poucos anos consolidou un xeito de facer inédito no teatro en Galicia, e que tamén compartimos con Touri. Batemos todos os records de público con espectáculos como Somos Criminais, Unha noite na praia, Corentena, ou a adaptación teatral de Fariña, coa que ademais xiramos por toda España durante máis dun ano.

En audiovisual, o meu traballo xira desde hai un tempo ao redor dos proxectos de Undodez, a produtora que tamén comparto con Javi Lopa e Touriñán. Producimos contidos pensados para todas as pantallas, pero sobre todo, pensados para o público. Feitos en Galicia grazas ao talento de profesionais galegos. Os nosos últimos traballos en ficción foron Na Gloria e Amigos hasta la muerte -unha coprodución internacional con México para Amazon-. Para televisión, Recollendo Músicas e Nosoutras. E acabamos de estrear o documental Ao son da nova regueifa. Ao longo destes anos tamén participamos na produción de distintas curtametraxes publicitarias, como as promovidas polo Concello da Coruña para a promoción turística da cidade.

Desde hai un tempo en Undodez decidimos abrir unha liña de produción de animación para primeiros espectadores en galego, con vocación de chegar a moitos outros territorios. Bibopalula, a primeira serie musical de debuxos na nosa lingua, é o noso proxecto máis destacado, e ao redor do seu éxito entre as máis pequenas e pequenos puxemos en marcha o primeiro gran musical infantil en galego.

Antes de traballar como produtor e produtor executivo fun director de produción de varios programas da Televisión de Galicia. Agora compaximo o meu traballo en Ainé e Undodez con traballos de consultoría en xestión artística, produción audiovisual e modernización e innovación no sector cultural. Tamén participo en distintos programas de orientación para favorecer a incorporación ao sector das e dos profesionais que rematan os seus estudos.

Cada verán, en Castelo (Culleredo), participo na produción do festival Castelo Conta, unha das citas culturais máis destacadas de Galicia, relacionada coa promoción da tradición oral e a cultura no rural.

Entre 2021 e 2025 fun tamén presidente da Academia Galega do Audiovisual, a institución que xunta a boa parte das e dos profesionais do sector.

Traballo en Galicia e en galego. Creo na importancia das estruturas sólidas e o emprego de calidade para facer forte a industria cultural, e aposto desde hai tempo pola modernización do noso sector a través da tecnoloxía e a calidade nos procesos. E sobre todo: o que fago, é para desfrutalo.